VI Xornadas Cidades Amigas da Infancia en Santiago de Compostela
As xornadas, que se celebrarán o 4 de xuño na EGAP, abordarán a boa gobernanza das políticas locais de infancia

19/05/2025
Baixo o título Da teoría á práctica: mellorar a gobernanza da política local de infancia, este encontro celebrarase o vindeiro 4 de xuño na EGAP a partir das 9 da mañá e está destinado ós profesionais de políticas de infancia do ámbito local.
A través de diferentes mesas ofrecerase unha explicación didáctica sobre os mecanismos, espazos e instrumentos necesarios para facer realidade unha gobernanza transversal, participativa, con criterios de transparencia e bo goberno, da política local de infancia para entidades locais galegas.
Contarase con intervencións de expertos na materia, como Helena Serrano, especialista en Políticas locais e participación infantil e adolescente de UNICEF España e o consultor Jesús Manuel Migallón Sanz de CIDALIA, quen facilitará un obradoiro cos representantes dos concellos no que se traballará sobre metodoloxías prácticas para o desenvolvemento dunha boa gobernanza das políticas de infancia a nivel local.
Co obxectivo de contribuír ó intercambio de experiencias entre os representantes dos concellos asistentes e facilitar as relacións de aprendizaxe duradeiras invitarase a tres concellos Cidades Amigas da Infancia a expor a súa experiencia no eido da gobernanza en políticas de infancia. Así, representantes de Moaña, Ponteareas e Burela intercambiarán reflexións sobre as boas prácticas que estanse a desenvolver nas súas entidades locais.
Outro dos fins que persegue esta xornada é o de fomentar a participación dos nenos, nenas e adolescentes como actores relevantes nos sistemas de gobernanza eficiente. Por este motivo, contaremos con rapaces e rapazas representantes de consellos locais e autonómicos que trasladarán en primeira persoa as súas experiencias, contribucións e recomendacións para que as entidades locais avancen cara unha gobernanza máis transparente, participativa e transversal.
Esta xornada está destinada ás autoridades públicas locais como concellerías de infancia, áreas de políticas sociais, educación; a calquera entidade local interesada en revisar ou fortalecer os seus mecanismos de gobernanza enfocados nos dereitos da infancia; ós integrantes dos espazos de coordinación constituídos no seo das entidades locais para o impulso das políticas de infancia e aos responsables técnicos e políticos que impulsan os órganos de participación Infantil.
As xornadas organízanse no marco dun Convenio de Colaboración entre UNICEF Comité Galicia, a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), que ten como obxectivo promover e difundir os dereitos da infancia desde o ámbito local no marco da iniciativa Cidades Amigas da Infancia.
A iniciativa Cidades Amigas da Infancia busca impulsar o compromiso e a acción de toda cidade, pobo, concello ou calquera sistema de goberno local en favor dos dereitos da infancia articulados na Convención sobre os Dereitos do Nenos, ratificada por España no ano 1990. O obxectivo desta iniciativa é que se apliquen procesos de transformación que redunden no benestar da infancia e a adolescencia no curto, medio e longo prazo na súa contorna máis próxima.
Axenda
9:00 - 9:30: Inscricións
9:30 - 10:00: Inauguración
- Jacobo José Rey Sastre, Director Xeral da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización
- Alberto Varela Paz, Presidente de la FEGAMP
- María Montalvo Freire, Presidenta de UNICEF Galicia
10:00 - 10:45: Impacto da gobernanza local na vida os nenos, nenas e adolescentes. O caso das Cidades Amigas da Infancia. Helena Serrano, especialista en Políticas locais e participación infantil e adolescente, UNICEF España.
10:45 - 11:30: Mesa redonda gobernanza en Galicia: estado actual, contribucións e experiencias:
- Concello de Moaña. Kevin González, Concelleiro de Xuventude e voluntariado.
- Concello de Ponteareas. Cristian Montes, Concelleiro de Xuventude.
- Concello de Burela. Mario Pillado, Concelleiro de Xuventude.
11:30 - 12:00: Pausa café
12:00 - 13:30: Claves para unha boa gobernanza dunha política local de infancia. Obradoiro práctico: Coordinación interna con exemplos. Jesús Manuel Migallón Sanz de CIDALIA.
13:30 - 14:15: A infancia galega. Experiencias en participación nos municipios de Galicia e a nivel autonómico.
- Nenos, nenas e adolescentes representantes de Consellos e grupos locais de participación infantil e adolescente.
- Nenos, nenas e adolescentes representantes do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia.
14:15 - 14:30 Clausura
Irene Marín, coordinadora UNICEF Galicia
Organiza: UNICEF Comité Galicia xunto coa Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica
Colabora: Federación Galega de Municipios e Provincias
Inscríbete aquí.