Reto Lapis e Vacinas: promovendo a educación e a saúde da infancia máis vulnerable

A Federación de Librarías, as bibliotecas e museos de Galicia e as Bibliotecas Universitarias das Universidades de Vigo, Santiago e A Coruña únense á iniciativa de UNICEF España

Material escolar para un niño de Haití.

12/06/2025

Jean Max volveu da escola cos seus novos materiais distribuídos por UNICEF. Ten 13 anos e vive en Haití, onde a escalada de inseguridade deteriorou o benestar da infancia.

Para dar a coñecer situacións como a de Jean Max, a Federación de Librarías de Galicia, a Subdirección Xeral de Arquivos e Centros Museísticos e a de Bibliotecas e do Libro, da Xunta de Galicia; así como as Bibliotecas Universitarias das Universidades de Vigo, Santiago e A Coruña, distribuirán nos próximos meses un total de 12.900 marcapáxinas de UNICEF co obxectivo de concienciar sobre a importancia da inmunización e a educación na vida dos nenos e nenas.

As vacinas e o material escolar que distribúe UNICEF á infancia máis vulnerable, son fundamentais para que os nenos e nenas se poidan protexer fronte a enfermidades e continuar aprendendo, mesmo nas circunstancias máis extremas.

Actualmente, 25 millóns de nenos e nenas no mundo non reciben aínda vacinas, o cal pon en perigo as súas vidas, e 119 millóns de nenas non acoden á escola. Subministracións como as vacinas e o material escolar contribúen a cambiar esas realidades.

Para iso, UNICEF España puxo en marcha o Reto Lapis e vacinas, co que pretende conseguir 100.000 lotes de lapis e vacinas (cada un dos cales custa 1,56 € e contén 10 lapis e as vacinas necesarias para inmunizar un neno ou nena contra a polio e o sarampelo).

Os marcapáxinas desta campaña entregaranse en tódalas feiras do libro de Galicia, dende o seu inicio a finais de abril ata finais de agosto, grazas á colaboración coa Federación de Librarías de Galicia.

"O noso obxectivo é chegar á sociedade vinculada coa educación, a cultura e a lectura para dar a coñecer o traballo de UNICEF nos ámbitos da saúde e a educación. Só en 2023, proporcionamos acceso a educación a cerca de 38 millóns de nenos e adolescentes sen escolarizar. Ademais, máis de 31 millóns de nenos e nenas como Jean Max recibiron materiais escolares", subliña Irene Marín, coordinadora de UNICEF Comité Galicia.

O pasado mes de abril, contamos coa implicación da escritora e periodista María Solar, amiga de UNICEF Comité de Galicia, que distribuíu os marcapáxinas na Feira do Libro de Ferrol, onde tivo a oportunidade de contar como traballa UNICEF en educación e vacinación nunha charla nun club de lectura e durante a sinatura de libros.

Ademais, contamos coa colaboración da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro e da Subdirección Xeral de Arquivos e Centros Museísticos da Xunta de Galicia para distribuír marcapáxinas na Biblioteca de Galicia e as súas 6 sedes nas principais cidades da comunidade, así como na rede de Museos de Galicia, que engloba un total de 9 centros museísticos.

Por último, chegamos a un acordo para distribuír os marcapáxinas nas Bibliotecas Universitarias das Universidades de Vigo, Santiago e A Coruña co obxectivo de chegar ao público universitario en época de exames.

"Con cada lote de lapis e vacinas que doedes, estades a facer un agasallo dun valor incalculable, estades protexendo á infancia fronte a enfermidades mortais e axudando a proporcionarlle unha educación de calidade. Pero, ademais, estades a regalar a posibilidade de soñar e vivir de moitas nenas e nenos en todo o mundo", remata Marín.

Somos o maior comprador mundial de vacinas. En 2023, adquirimos case 2.800 millóns de doses que distribuímos en 105 países, incluídas 6,2 millóns da primeira vacina contra a malaria que entregamos a 7 países de África. Ademais, vacinamos a case a metade dos nenos e nenas menores de 5 anos en todo o mundo. Máis de 400 millóns de nenos recibiron a vacina contra a polio e case 133 millóns vacináronse contra o sarampelo.