Reforzamos os servizos de saúde mental e apoio psicosocial en Chad

Dende UNICEF previmos e damos resposta ós riscos de protección da infancia co apoio da Xunta de Galicia

Reforzamos os servizos de saúde mental e apoio psicosocial en Chad

26/05/2025

Chad é un dos estados con maior vulnerabilidade do mundo, ocupando o posto 189 de 193 no Índice de Desenvolvemento Humano. Neste país, máis da metade da poboación vive en situación de pobreza.

O país conta con cerca de 19 millóns de habitantes, dos cales o 59 % son nenos e nenas que enfrontan unha prolongada crise humanitaria multidimensional, exacerbada por varios factores: riscos climáticos extremos, emerxencias sanitarias, e conflitos armados.

Inseguridade alimentaria e crise sanitaria

Estímase que 7,8 millóns de persoas necesitan asistencia humanitaria, o que representa un aumento significativo respecto ós 6 millóns que a necesitaban en 2024. Este incremento é o resultado das inundacións, que afectaron severamente á seguridade alimentaria e ós medios de subsistencia, xunto co crecente risco de epidemias.

As inundacións e secas agravaron a inseguridade alimentaria en Chad. Segundo a OCHA, en agosto de 2024, 3,4 millóns de persoas atopábanse en crise de inseguridade alimentaria.

Chad tamén experimentou unha grave crise sanitaria. A finais de 2024, o país reportou case 1,4 millóns de casos confirmados de malaria e máis de 1.800 mortes. A varíola do mono e o sarampelo continúan afectando ás poboacións vulnerables, con 7.700 casos de sarampelo e 17 mortes.

Case 8 millóns de persoas precisan axuda

En 2025, estímase que 7,8 millóns de persoas necesitarán asistencia humanitaria, o que representa un aumento significativo respecto ós 6 millóns en 2024, ano no que Chad contou con máis dun millón de refuxiados rexistrados. A finais de 2024, a rexión do Leste acollía a máis de 710.000 refuxiados e 222.000 retornados chadianos, a maioría procedentes do veciño Sudán. A situación podería empeorar a medida que persista a violencia na rexión, o que levará a novas chegadas e desprazamentos forzados.

Na provincia de Sila, afectada pola crise de Sudán, o 88 % dos refuxiados rexistrados son mulleres, nenos e nenas; e o 67 % dos retornados son nenos e nenas.

"A continua afluencia de poboación provocará un aumento das necesidades humanitarias nunha provincia cunha cobertura de resposta limitada e gravemente afectada polo cambio climático e a pobreza sistémica. A situación esixe a posta en marcha de medidas urxentes de protección", afirma Irene Marín, coordinadora de UNICEF Comité Galicia.

A guerra e as súas atrocidades, a morte ou desaparición de familiares próximos, o alistamento de adultos e nenos en grupos armados, o desprazamento, as agresións físicas e sexuais e a separación familiar son os principais factores que afectan a saúde mental e ó benestar psicosocial de moitos nenos e nenas. En 2024 menos do 10 % dos que necesitaban asistencia en Sila recibiron servizos adecuados de protección infantil.

Acción de UNICEF co apoio da Xunta de Galicia

A contribución da Xunta de Galicia ten como obxectivo fortalecer a resiliencia de nenas, nenos e adolescentes en situación de risco de protección na provincia de Sila, mediante a implementación de servizos comunitarios integrais de saúde mental e apoio psicosocial, facilitando a súa reinserción e reintegración familiar e comunitaria, con especial atención ós desprazados e aqueles que están en condicións de maior vulnerabilidade debido ó conflito bélico en Sudán

O goberno autonómico estará apoiando o traballo de UNICEF para reforzar os sistemas locais e servizos de protección da infancia, implicando para iso á comunidade.

Crearanse comités de protección e reforzaranse os existentes para garantir a existencia de puntos focais formados e implicados activamente na sensibilización, mediación, identificación e derivación de nenos e nenas en situación de risco ou vulnerabilidade. Ademais, celebraranse charlas educativas, sesións e campañas masivas de sensibilización co fin de aumentar a concienciación sobre os riscos de protección dos nenos e as nenas e promover os seus dereitos entre as comunidades.

A intervención tamén inclúe accións destinadas ó apoio, creación e equipamento de espazos seguros para a infancia, co fin de proporcionar contornas protectoras para que os nenos e nenas, ademais de aprender, poidan xogar, socializar e expresarse.

Ó mesmo tempo, apoiarase a creación de clubs de adolescentes para fomentar a construción de paz e formalos en habilidades para a vida, e impartirase formación dirixida a profesionais na xestión de casos e supervisión. Ademais, ofreceranse servizos de apoio psicosocial e xestión de casos individuais dirixidos principalmente a nenos, nenas, adolescentes, mulleres e coidadores afectados pola crise, incluídos os nenos e nenas non acompañados e separados dos seus familiares e os que foron vítimas da violencia.